Arquivo de tags

estou aquí, onde estás ti?

Como lausanne é terribelmente costenta, gasto coa suor unha camisola xa de mañá cedo, e outra máis traballando. Recupero da bolsa a do celta, de cando xogamos a uefa, e saio a pasear á tarde. Cruzo de celeste con varios grupos de españois e de portugueses, e tamén con señoras cheas de dourados e cans brancos que din en tout cas, iles xa chegaron tarde e con señores panzudos de moraña que discuten na nosa lingua sobre fontanería. Pero non me identifican.
Só cando estou xa de recollida, un rapazolo pasa boureando cun 106 azul. Leva no salferidoiro unha bufanda de españa, supoño que polo básquet, e o cóbado por fóra da xanela. Escoito que berra algo do celta, e cando arrinca no semáforo en sete estralos, clama: é a primeira vez que vexo unha camiseta do celta na suísa.
Eu exploto o meu lado loiro de ollos azuis e respóndolle co meu mellor sorriso suíso.

cidades

Xenevra. Vaia cidade. Non sería a mesma se Barataria non escollese un hotel pra rapaces preto do consulado de angola, nun barrio completamente inmigrizado. Así, mentres eu durmo os últimos minutos, el baixa tomar o café e unha nata a un café portugués.
Logo paseamos e facemos todo iso que se fai nas cidades: vimos edificios, atopamos os galpóns ghipis con mozotes fritindo salchichas (de soia, agardo) e facendo escalada indoor, rexeitamos haxix onda o surtidor de auga, fomos a un extraordinario museo de arte contemporánea (convidados pola caixeira), xantamos unhas boliñas de fariña da illa mauricio nun festival intercultural organizado nas rúas, andamos moito moito en bici e acabamos as horas nun cabaré alternativo, tomando un merlot e unha cervexa.
As cidades son o maior invento do home.