A última obra do centro moi-dramático galego, O regreso ao deserto, é un sorprendente despropósito. Dirixida pola mesma directora que escolle os directores da compañía, o que xa en si resulta bastante peculiar, sorprende que soterren tanto o texto, confundan tanto o ton e se organicen tan escolarmente que non se poida dicir de qué ía a obra; sorprende que sexan capaces de sacar rexistros inda-máis-peores do xa normalmente incomprensíbel celso parada ou da estarrecedora rocío gonzález (digna sucesora de luma gómez); sorprende que xoguen tan mal coa música e cos espazos con só tres mobles; sorprende que se poida perpetrar unha ridícula escena de pelexa de dez minutos con moito menos movemento cunha pintura de goya (con marco e todo); e sorprende que logo de nonseicantas representacións descoñezan tan severamente a letra dos papeis.
Hai veces en que a falta de calidade debería aconsellar, como pouco, un mes máis de ensaios. Quizais, tamén, a substitución do elenco e da dirección. Indo ao máximo, e tendo en conta que é o buque insignia do teatro galego, demisións. Así que o único que non sorprende é que as butacas estivesen, unha vez máis, practicamente baleiras.
Arquivo de tags
Vou ver con Itopo ‘O heroe’, de Sarabela sobre textos de O’Rivas. As dúas primeiras escenas son tan precisas e están tan perfectamente trazadas que se me poñen os pelos dos brazos como escarpias. Logo a obra continúa bastante ben, pero afastada da perfección que ten conseguido noutras ocasións o grupo. Ás veces berran moito, sen necesidade. E ademais perderon a oportunidade de eliminar un personaxe absurdo, tópico e inoperativo que aparece coa única finalidade de sabotear o ritmo da peza.
Tense dito que o texto é demasiado narrativo: non o vexo así. Na correcta gallada entre o dramático, o lírico e o narrativo (e non me importará ser cuspido por iso), o erro principal é o tema: estou ata a cona de historias sobre enviados comunistas durante a posguerra, enviados que, como precisa Ian, non viñan nunca.
Escoito a Manuel Vieites falar na radio sobre a escola dramática da ghalleira que el vai dirixir a partir deste curso. Fixa como obxectivo que en cinco anos haxa 15 compañías estábeis grazas a este centro de asignaturas pechadas. Da escola sairán todos os anos varias ducias de novos actores e actrices de teatro. E repito: de teatro.
Pregúntome se farán tamén unha escola de público dramático para conseguir xente que vaia ver tantísimo espectáculo e poida facer rendíbel o sector. E se cadra inda me validan este blo como crédito de libre configuración.
E non vou incidir no modelo de política cultural co que me sinto identificado (o liberal) e o que detesto (o conservador): voulle poñer namais unhas candeas á santa conselleira pra que consiga facer da escola de vieites a escola de teatro/cine/tv que galiza pode chegar a necesitar. O malo é que non sei se isto será cousa do santoral protestante ou do ortodoxo.
O probe consolo de contactar a produción cultural española é a comprobación de que o noso nivel está ao par có deles. Por exemplo, cando decido explorar a fantástica ampliación que lle fixo Nouvel ao reinasofía. Ademais do edificio, só moi parcialmente aproveitado, o meu obxectivo é a mostra do fotógrafo Alfred Stieglitz. Pero máis ca unha mostra é un almacén de obras del e dunha chispa de pintores que expuxeron na súa galería novaiorquina. Confusa, sen criterio aparente, sen explicación e sen guía, a exposición camufla e despreza as imaxes baixo un pano de refraccións imposíbel. Resulta ben máis proveitoso mercar o catálogo. De paso vexo a de Oteiza, comisariada con xeito, pero que non me atrae aló gran cousa e unha de arte contemporánea mexicana, bastante interesante malia o seu carácter antolóxico.
Á tarde imos ao teatro ver Roberto Zucco, que monta o Centro Dramático Nacional (de hespaña): actores malos e peor dirixidos, estrelas da tv que non son capaces de abandonar os xestos e as frases das súas teleseries, escenografía sobrante, redundante e gratuíta, un famoso actor hipergalego ou imaxes de fistfucking pra escandalizar vellas son parte da trama conspiratoria contra un texto fabuloso que só ergue a obra cando lle deixan coller aire. Afortunadamente, o centro dramático nacional, anque o pagamos todos, non xira por provincias.
Despois dunha tarde intensa con Fufli, de lavandería en lavandería, en coche, pasando por tendas de decoración e de toallas, chega a noite imprevista: tomaba o último corto con 12Uvas &friends, coa idea posta na cama e na lectura, pero (m)alicia resgátame.
Recuncamos xuntos nas artes escénicas: o espanto perpétrao (unha vez máis) Berrobambán. Fóra temas persoais, que os hai, non lembraba tantas ganas de liscar, de puro cutrerío. Pero a cortesía con (m)alicia e o pracer de rexoubar proximamente con Neit e con Iop pagaron a pena da permanencia, do frío e do horror.
Logo afortunadamente entramos nunha serie de preguntas imperfectas, anacos de historia común descoñecidos, que nos meteron en calor a medida que accedíamos aos bares. Tamén estaban Plattdorf e o sorrideiro e fermoso Mánager. Pensei que a miña envexa por Plattdorf ía ser maior, pero velos gabear un por riba do outro púxome romántico, inocente, maternal, ou algo.
Así é de explicar que estivese parolando unha boa hora con Geneve, un mozote espilido, que agardo volver a ver. Só de lembralo bríllanme os ollos contra a pantalla. Pero a cabeza e a noite son reviradas e preferín irme con Non-acho-a-Ana, un reintegrata demasiado caprichoso, demasiado borracho e demasiado agresivo. Tanto, que de camiño, co beizo inchado e as tetas doridas de rabuñadas e trabadas, lisquei del.
Coa autoestima elevada, nada máis me cumpría.
O traballo lévame en danza desta vez á gala de entrega dos premios maricastaña de teatro. Como sempre, o único motivo de interese son os camareiros e un chavalote, fillo dun distribuidor municipal pelouro e barbudo, extraído directamente de revistas de homoporno ruso. Os pinchos, chámense como se chamen en galego, son cada vez máis lamentábeis. Eis a decrepitude nazonal.
Volvo cunha rapaza para a atenas galega, medio agripallado: conxestionáronme os chistes vulgares, a sosería, a tristeza e o embiguismo dun sector que camiña velozmente cara á súa inmolación. Queixábanse os actores, como sempre, de que a gala se retransmite a altas horas e de que os políticos prefiren o luar. Algún deles viu actuar os tonechos? Vivediós que teñen moito que adeprender. Eu, confésoo, vinos o outro día. Estaba con kate, nun intermedio de euronews, e rin a cachón. Mofan nos paisanos, si, pero tamén mofan de nós. Anque nos doia, debería receitalo o médico do seguro. Unha pílula de tonechos a cadora, e non de luma gómez.
