Arquivo de tags

revivo

Nestas últimas tres semanas sucederon moitas cousas, que agora dispostas unha detrás da outra semellan acontecer a unha irreal gran velocidade. Unha delas é que Barataria volveu pra Ciudad-Ajo, onde estará provisoriamente ata comezos de novembro. A vida con el é magnífica e sorprendente, e actúa sobre min como un contrapeso necesario. Pero os negocios son os negocios, e vai haber que habituarse a ter bisnes en rede, amigos en rede e quizais tamén a vida un pouco en rede, atacando con amor e ryanair a capa de ozono. O outro gran sucedido foi a mudanza de horario: agora érgome antes da alba e marcho prá cama cedo, non moito despois das dez. Non sei se será unha boa idea: quizais todo acabe en suicidio botándome de cabeza ao camión do lixo, unha destas escuras madrugadas. Pero por agora o traballo oficial vai furrulando, e o que se resenten son as actividades nocturnas, a divagación vespertina diante do computador: este blog é unha delas.