Arquivo de tags

picoteiros

Os primeiros que tomaron posesión dos comedoiros do xardín foron os pardais, aló polo vran. Que houbese de súpeto cincuenta pardais a comerme no penso era un duro golpe á miña economía, pero como son unha especie en franca regresión nesta illa eu estaba moi contento. Pero o sol foi virando, e paxaros novos viñeron mentres moitos pardais acabaron por marchar, non todos.
Hoxe vin por primeira vez na miña vida unha parella de picoteiros (a da foto) peteirando bagañas vermellas nunha especie de buxo que hai no xardín. Calcúlase que veñen a esta illa uns 100 picoteiros polo inverno, así que eu vin, sen moverme da cadeira, o 2% da poboación anual. E déronme pra pensar en como mudara isto. Aló no pedaciño de río que vexo dende a fiestra nada unha parella de mergos grandes que deben vivir na veciñanza. Tamén dende a fiestra vexo a garza cando se pousa no pé da ponte (non é todos os días), e tamén un peneireiro que adoita vir ás tardes e que onte apañou algo, quizais un rato. Ás mañás visítame unha pequena xoia: unha estreliña do norte, co seu peiteado punki dourado. E ás mañás e ao mediodía e ás tardes baixa unha razzia de cinco ou seis ferreiriños rabilongos, que se abaten en picado, e todos ao tempo, sobre as bólas de graxa que teño penduradas do tendal. E tan axiña como chegan, marchan, deixándolle o sitio tranquilo a media ducia de ferreiriños azuis e reais, a un pisco ou dous (non os distingo), aos merlos e aos estorniños. Nas árbores e tellados dos veciños pousan no alto tamén pombas, e pegas, e tres tipos de corvos, e dúas especies de gaivotas. Se miro cara ao outro lado, cara á estrada, é sinxelo ver algunha lavandeira das de acó, que son máis escuras cás de aló, pero non pasan ata o xardín.
E así, sen decatarme, deica pouco marchou o inverno.

Actualización: que houbese dous picoteiros no meu xardín, e logo catro seis, ten unha explicación.