Arquivo de tags

neve

Días despois de que o aeroporto de Barajas quedase bloqueado pola incompetencia e a falta de previsión, varios aeroportos da Cidade dos Nenos Perdidos quedaron bloqueados pola incompetencia e o exceso de previsión británicos. Aquí no norte pasou o día a nevar. Houbo momentos en que caeu forte e noutros a cousa ía máis lixeira e saían os pícaros ao xardín a facer bonecos, anque só por uns instantes antes de recollerse porque volvía nevar, ou porque abría o sol, subían as temperaturas un par de graos e descallaba.
Botei o tempo todo a mirar pola fiestra, vendo como o ceo pasaba de branco a azul, e logo a gris e outra vez a branco, e a gris, e a azul. E cada vez máis escuro, ou máis claro, e logo negro. Gastei as horas brincando coa luz e pensando nesoutras catro xornadas que botei traballando na ghalleira, no seu aire mesto, húmido e triste e inmobilmente gris.

summer

Vou guiando na mañá do domingo, entre os campeiros a orxo e a prado. Moitos deles xa recibiron a visita da máquina colleitadora, e están como esgazados, cunha coidadosa e milimétrica composición de ocres e dourados, e o aire e as gabias e as estradiñas todo arredor inzan a grao no aire. Disto aprovéitanse os carnazais e as grallas, que peteiran sobre o asfalto ata un segundiño antes de que cheguen os pneumáticos.
O ceo está escuro, pero todo o demais, dende as plumas dos corvos ata os curutos das espigas, brilla. Seique foi o agosto máis chuvioso en vinte anos. E o meu segundo Scottish summer.