Arquivo de tags

noites

O traballo e os estudos foron bastante intensos esta semana. Pró remate, saio o venres ao cadelicio con Fufli. Vexo a Würth e ao seu amigo Bailarín, vexo a Sen-Referencia (que me propón trío pró domingo), e regreso á casa acompañando a 12Uvas, que me conta de como vai e volta a súa relación cun amigo del, que insiste na súa heterosexualidade incluso despois de deixarlle o lombo retorto nos asentos dun coche, á noite, no monte.
A miña vida é un tesouro. Grazas a eles.

würth

Líome cun dos 3.000 comerciais que ten en España Würth, a empresa de subministros. É un mozote algo fortachón, guapísimo, de 22, dun concello do interior. Trae un galego fermoso, e unha historia de talk-show espectacular, que me debulla pouco e pouco na cama mentres nos bicamos, e despois na sala, mentres lle transmite á central os datos de subministros eléctricos dos clientes conseguidos no día. A historia rima con aborto, matrimonio e tarxetas visas a todo trapo, e acaba aparentemente feliz.

Würth ten unha particular relación coas drogas, mais xa ía avisado. Farlopeiro nalgunha medida, ofréceme aspirar unhas substancias afrodisíacas que, xura, son legais. Rexéitoas elegantemente, á espera do consello da señora Dot. Despois ofréceme quedar a durmir nunha estreita cama, ben apertadiño contra min.

Á mañá madrugo máis ca el: busco ás apalpadelas a roupa ciscada polo cuarto, pra non espertalo coa luz. Saio á rúa. Quédanme uns quilómetros de coche ata a miña casa, mentres amence. Os seus rastros na miña camiseta bríllanme máis cós faros.