Arquivo de tags

polinización

Atenas ábrese no día das letras. Falan os vellos paisanos na rúa lembrando a xocas na súa viaxe a bos aires, na súa bonhomía; critican a vitorino. Falan os vellos académicos no paraninfo, e din palabras tan bonitas que me entra un arreguizo de saberme ateniense: miña nai fálame do xocas, que lle deu clase, e das súas camisas descoidadas. Dime: non era tan feo… Teño lembranzas do día da súa morte, e da mágoa de miña nai, que revivo ao ver con ela unha necrorreportaxe. Emocionadas no sofá.
Á tarde, despois de caer derrubado nunha sesta, vou pasear con Ferre. O verán chegou a atenas e medra a cola prós xeados na ibense. Preséntanme unha rapaza moi fermosa, que se chama Rosa, pero avísanme que trae as albardas cheas de problemas. Peke diría: e quen non? Claro. Ao despedírmonos, comezan a caer folerpas brancas dos pradairos. Todas as rúas énchense de folerpas no resol, e brillan. Os días que máis me gustan da vida que máis me gusta.